VOLTA A PORTUGAL POLA COSTA

     Despois de percorrer toda a beira da costa de Galicia o seguinte reto de ESPIRITU ALWAHIRI é percorrer toda a costa de PORTUGAL o mais achegado posible a beira do mar.

     Desta vez ESPIRITU ALWAHIRI reclutou un novo compoñente que se quixo unir o reto, sendo nesta aventura 3 persoas.

     A andaina comeza o 20 DE MARZO DE 2008 e rematou o 20 DE MAIO DE 2011.

     Despois de realizadas 13 ETAPAS percorréronse un TOTAL de 1266 Km.

     Como na anterior Volta a Galicia, nesta ocasión as anectodas sobran, os motivos de ledicia contrastan con algún momento de sufrimento no transcurso dos kilometros e da dureza de algún tramo de dunas, pero ao rematar cada xornada a volta é de entusiamo e lembranzas dos momentos vividos no transcurso de cada dia.

     Para visitar a galería fotografica pincha AQUI.

 

  • 1ª ETAPA
CAMINHA - MATOSINHOS  => 122 Km;              20 DE MARZO DE 2008  

    

     Primeiro dia e primeira experiencia para algún dos que facía a ruta. Outros dous xa tiñan a experiencia da Volta a Galicia, pero de seguro que todo seria novo, porque habería moitas cousas que farían mudar a aventura.

     Esta primeira Etapa sería entre as localidades lusas de CAMINHA e MATOSINHOS. A distancia a percorrer foron 122 km.

     O día comezaba tranquilo, e xa ao pouco, pasada Praia de Ancora, se tiña que comezar a quitar roupa, a pesar de que era marzo, pero o sol quentaba bastante.

     Unha das anécdotas, foi que se tivo que empuxar un coche que estaba metido nunha duna, e alí foron os alwahiris de guindastres.

     Levábase os mapas, pero en Gelfa, perdidos, tivemos que meternos polo medio do monte para poder chegar ata a estrada e continuar, pasando despois por Viana do Castelo, estábase completamente metidos na ruta marcada por nos.

     Para poder atravesar un río en Guilheta, tívose que facer un gran rodeo, e logo en Belinho, atopámonos completamente metidos nunha duna sen fin, o que comezou a facer mais dura a etapa, non podendo rodar enriba da bicicleta nalgún tramo.

     Xa chegados a Esposende collemos dirección a Povoa de Varzim sen moita dificultade. O sol comezaba a desaparecer. Por fin xa en Matosinhos, case coa noite as costas, pero co obxectivo cumprido.

     As conclusións desta primeira etapa foron varias pero a mais significativa era o cansazo producido pola cantidade de camiño adoquinado, tan típico da zona norte de Portugal, que se tivo que percorrer nesta etapa.

  • 2ª ETAPA
MATOSINHOS - AVEIRO  => 105 Km;                   26 DE XULLO DE 2008

     Despois de agardar uns meses para poder facer outra etapa, a uns días de saír para facer a segunda, un dos membros non puido asistir e con moita mágoa, foron so dúas persoas a facer a que seria a segunda etapa entre os pobos de MATOSINHOS a AVEIRO, percorrendo un total de 105 km.

     O dia parecía que non quería acompañar a pesar de estar en pleno verán pero a medida que avanzaron as horas a calor foi aumentando e o sol aparecendo.

    Así que se sae de Matosinhos, e para poder cruzar o Rio Douro, o único paso e por O Porto. Despois de contemplar as rúas e as pontes desta fermosa cidade lusa, continuamos para dende Cortegaça, xa en mar aberto, adentrarse nunha duna de moitas horas. Moito deste tempo coa bicicleta pola man, porque o que terreo de area non permitía in montados. Para colmo e en plena tarde, co sol pegando moi forte, perdidos e sen topar un camiño que nos permita subirnos na bici e avanzar mais rápido, primeiro furado. Retívonos algún tempo, e logo de reparar decidiuse camiñar cara o interior en busca de terreo mais duro. Saltouse un balado particular e chegouse a unha estrada, continuando o camiño a maior ritmo.

     Tras cruzar outro rio en Quintas do Norte, xa pouco queda para chegar a Aveiro, onde poder coller outro tren para levarnos a O Porto, e logo un metro ata Matosinhos.

     Despois de chegar tan tarde a casa, felices por facer outra etapa pero con ganas de voltar os tres coma na primeira, para poder compartir entre todos a aventura.

  • 3ª ETAPA
               AVEIRO - FIGUEIRA DA FOZ  => 95 Km;                 28 DE MARZO DE 2009
    
     No ano 2009, e despois de so facer dúas etapas no anterior ano, pensouse que xa non se voltaría. Pero velaí está Alwahiri de novo en Portugal para afrontar a terceira etapa. Esta vez xa voltan estar os tres membros que partiron dende Caminha, neste dia, para afrontar 95 km entre AVERIO e FIGUEIRA DA FOZ.

     Partiuse de Aveiro, a venecia portuguesa, coas súas típicas barcas de cores moi chamativas. Con poucos kilometros andados, unhas das bicicletas rozaban as patillas no disco de freo e tivo que facerse unha pequena parada para tentar reparar. Cando xa está todo solucionado, cruzando unha Ponte para chegar a praia da Barra, decidimos sacar unhas fotos dende a Ponte, e co tremendo vento que facía, tirou a bicicleta dos mapas e todos os papeis saíron voando. Os 3 atrás deles tentado recuperar algún pero os recuperados foron moi poucos. As cousas truncábanse, porque non tiñamos case mais orientación que o propio mar.

     O vento sopraba con maior intensidade cada vez, practicamente era a favor, pero faciamos un rodeo para poder cruzar un rio, ao encamiñarse cara o mar de novo, entraba lateral e facía mais dura a etapa.

     Entrando pola praia de Mira dirección sur, de novo seguimos por un extenso parque natural, no que os camiños son de area, e unha vez mais, tocaba desmontar e ir camiñando como se podía. Agora so quedaba subir polo Cabo do Mondego, dende onde botando unha ollada cara atrás se podía ver todo o percorrido que se fixo andando. O desnivel era bastante pero co vento a favor, subiuse sen moita dificultade. Neste cabo cruzámonos con moitos peregrinos para Santiago, porque o camiño pasa moi achegado a costa.  Na cima divisase Figueira da Foz, onde remata esta etapa.

     Collemos un tren e volta para arriba para recoller o coche, pensando en voltar outro dia e continuar facendo mais kilómetros coñecendo Portugal.

  • 4ª ETAPA
       FIGUEIRA DA FOZ - SAO MANTINHO DO PORTO => 105 Km;   04 DE XULLO DE 2009
 

     Cuarta etapa e os kilometros totais van en aumento. Nesta ocasión fanse 105 km comezando en FIGUEIRA DA FOZ e rematando en SAO MARTINHO DO PORTO.

     Sendo no mes de Xullo o mais probable era que fose unha etapa calorosa, e así foi. Con longas rectas interminables tanto en asfalto como en camiños de terra. Fixéronse moitos kilometros por areais levando a bicicleta pola man, pero tamén moitos kilometros por carril bici, sen practicamente desnivel o que permitía as veces ir rápido.

     Coa chegada a Nazaré e obrigada visita desde a parte superior para ollar a praia dende o mirador, o suor impregnaba o corpo e o día estábase facendo moi pesado. Tíñanse que facer multitude de paradas para coller de beber.

     Saíndo de Nazaré e metidos na Serra da Pescaria, o camiño dificultábase a cada paso. Ao final, unha longa pendente lévanos ata a cima da serra. O trazado sinuoso e con múltiples e fondos buratos dificultou facela completamente sentados, e unha vez mais tocaba baixar e empurrar, diminuíndo novamente o ritmo e aguantando o sol a quecer nas nosas cabezas.Ao descender pouco quedaba para chegar a Sao Martinho do Porto, onde poder descansar mentres se espera que chegue un tren que nos leve de volta.

  • 5ª ETAPA
           SAO MANTINHO DO PORTO - ERICEIRA => 115 Km;  10 DE OUTUBRO DE 2009
 

     Despois dun tempo, voltan de novo os 3 Alwahiris para nesta ocasión afrontar tres días seguidos de aventura, aínda que ao final víronse reducidos a dous. Neste primeiro dia, percórrese a quinta etapa de 115 km entre SAO MARTINHO DO PORTO e ERICEIRA.

     Comézase o dia en Sao Martinho do Porto cun bo almorzo e parando un ratiño a contemplar a fermosa praia, que vista dende o ceo parece unha cuncha de vieira. Saíndo do pobo damos cunha fermosa duna de gran altura e despois xa toca subir por camiños empedrados e o terreo comeza a complicarse. Chegados a Foz de Arrelo, a desembocadura do río obríganos a dar un rodeo para cruzalo e chegar a Peninsula de Peniche, un anaco de terra que sobresae encarándose ao gran Océano Atlántico, loitando contra o mar aberto. Tras rodear Peniche e contemplar a súas rarezas paisaxísticas, nas que e difícil topar vexetación polo fortes ventos, séguese a ruta cara o sur, complicando moito o camiño por mor de escoller unha zona de campos de labradío, que por ter que cruzar outro río, tivose que rodear, chegando a embarrarse moito as bicis. Menos mal que logo topando unha matanza do porco pedimos unhas mangueiras e lavamos as bicicletas nunha casa.

     O dia estaba a percorrer moi rápido e o sol a piques de poñerse. Chegase a Porto Novo onde temos outro paso para poder cruzar outro río e xa a seguinte parada seria Ericeira. Antes aínda quedaba unha longa subida que xa se fixo completamente de noite, e o peor logo a baixada, sen nada reflectante e baixando por unha estrada ateigada de curvas nas que a visibilidade era nula, sen ningún tipo de alumeado publico.

     Costou chegar a Ericieira, sen antes parar a lavar as bicis de novo pero xa con auga a presión. Na chegada a Ericeira co tempo xusto de ir buscar o coche mentres dous quedan na procura de Hotel para poder descansar para o dia seguinte.

  • 6ª ETAPA
                 ERICEIRA - LISBOA => 90 Km;                       11 DE OUTUBRO DE 2009
 
     Tras a etapa de onte, que se alongou moito, agora tocaba a sexta etapa Entre ERICEIRA e LISBOA, facendo 90 km.

     Despois de pasar a noite como se puido, tocaba arrancar, sen antes tomar un grande almorzo no Hotel collendo forzas para o dia que quedaba por diante, no que se aventuraban altas temperaturas.

     Nesta ocasión, e para esta etapa decidiuse facer a excepción de non continuar pola costa, desviándose uns kilómetros para ir por MAFRA e SINTRA, rodando en gran parte por estrada.

     Saíndo de Ericeira, Mafra quedaba preto e chegouse bastante rápido, para despois de dar unha pequena volta encamiñarse ata Sintra onde se chegou para comer. Co estómago cheo toca subir ata o castelo, e cruzando arriba monte a través, búscase unha baixada que nos leva ata o Circuíto de Estoril e moi preto xa a cidade, onde se puido descansar antes de encamiñar a ultima parte, na que de novo se voltaba a ir pola costa.

     Coa chegada a torre de Belem medio obxectivo desta aventura xa estaba cumprido. A metade do camiño xa estaba realizada, e o soño de chegar a Lisboa alcanzado. Unha gran satisfacción acompañaba por ter chegado tan lonxe ata o de agora. Logo tocou buscar transporte ata Ericeira. Isto fíxose moi complexo. Cruzouse toda Lisboa e sempre cara arriba para chegar a estación de autobuses, cun resultado nefasto ao non ter autobús de volta. Tívose que coller un taxi, mentres outros buscaban hotel. Un hotel que a algún lle deu alerxia, e fixo moi complicada a noite, motivo polo cal, ao dia seguinte, e despois de saír moi tarde para comezar unha nova etapa decidiuse non continuar e voltar para casa despois de facer mais de 200 km en dous días, coa incerteza de saber cando se regresaría para continuar.

  • 7ª ETAPA
                PRAGAL - SETUBAL => 93 Km;                              14 DE MAIO DE 2011
 

     De volta de Novo en Portugal despois de mais de ano e medio, para facer unha semana seguida e rematar todas as etapas pendentes nunha mesma semana.

     O venres chegamos as 2:00 da mañá a un Hotel na costa da Caparica, porque en Pragal, o hotel atopado tiña un prezo desorbitado. Puidose chegar moito antes e buscar con calma, pero cando se tiña programado saír as 18:00 horas, pois alguén se retrasou moito e saímos mais de 2 horas e media despois, polo que logo tocaría madrugar e durmir pouco.

     Tras un forte almorzo, partimos de PRAGAL para facer a Séptima etapa ata SETUBAL. Un percorrido que foi de 93 km en 8 horas totais das cales 7 foron de bicicleta.

     Seguindo dirección Caparica, parecía que ata aquí todo ia ben pero non se sabia o que nos esperaba. Tras percorrer un sendeiro a beira da praia, o inferno en forma de area e calor fixo presenza. Estaba claro que o de perderse estaba a orde do dia. Sen GPS todo podía suceder, e vendo como o sol penetraba na pel, os tres errantes, como vaqueiros polo deserto seguimos rumbo sur, coa esperanza de conseguir un camiño que de novo nos deixe montar nas monturas e avanzar mais lixeiramente.

     Cando son as 15.30 e levando so 30 km, conseguimos unha estrada que nos leva a contemplar o fermoso castelo de Sesimbra, e de ahí ata Setubal en plena contrarreloxo.

     Chegados a Setubal volta a buscar as maletas no coche. Os kilómetros da etapa leváronse ben por parte dos tres, a pesar da forte calor e do desgaste psicolóxico que supuxo estar tanto tempo nun terreo de dunas.

  • 8ª ETAPA
                SETUBAL - COMPORTA => 84 Km;                        15 DE MAIO DE 2011
 

     Oitava etapa, partindo de SETUBAL para chegar a COMPORTA. Unha distancia de 84 km en 4 horas e 30 minutos cronometrados, pero cunha viaxe total de un pobo a outro de 6 horas, despois de percorrer xa no dia anterior 93 km.

     O dia amenceu inda mais caloroso que onte, e tendo que rodar practicamente toda a etapa por estrada fixo moi duro.

     De partida, pasamos tres veces polo mesmo sitio, lévase unha hora de atraso e inda non saímos de Setubal. O sol comeza a quecer e o tempo a correr. Cando xa estamos saíndo en ruta, fíxose parada para mercar unha tarxeta para unha cámara. Todo solucionado tiramos ata Comporta e se as forzas o permiten chegar ata Troia para coller o Ferry de volta. Finalmente quedamos a durmir en Comporta.

     Ao longo da estrada puidemos ver como aniñan as cegoñas. A innumerable cantidade de niños aumenta canto mais ao sur nos achegamos. Tamén son moitas as serpes que teñen sobre un metro de longo, mortas e esmagadas na estrada tentando cruzala.

     Tivemos que empregar 6 horas e 84 km para facer un percorrido quen en taxi e Ferry leva menos de 45 minutos en total.

     A calor non foi todo o malo, senón que non facía presenza en ningunha beira da estrada un anaco de sombra no que refrescarse. A ambos lados moreas e moreas de area na que emerxía algún que outro piñeiro baixo.

     Despois de rematar en Comporta, buscamos transporte a Troia e facemos os tres unha tranquila e pracenteira viaxe en Ferry ata Setubal para voltar en coche tamén en Ferry pero marchou sen nos e tivemos que voltar dando toda a volta coma en bicicleta.

     Xa no Hotel ninguén se podía resistir a darse un merecido chapuzón na piscina para aliviar todas as queimaduras da pel. Logo tocou facer de cear no apartahotel e descansar para o dia seguinte.

  • 9ª ETAPA
                COMPORTA - PORTO COVO => 98 Km;                  16 DE MAIO DE 2011
 

     De COMPORTA a PORTO COVO, son os pobos entre os que se percorre a distancia de 98 km da Novena Etapa. Un traxecto que se fixo en 5 horas e 30 minutos cronometrados, pero que dende a saída de Comporta ata Porto covo, coas paradas, incluída a comida, foron 7 horas e 30 minutos.

     Esta era unha xornada chea de estrada, na que de novo faríanse longas contrarreloxos. O sol quentou moito durante toda a xornada, e a pel xa resentida dos días anteriores comezaba a sufrir, a pesar das cremas utilizadas no corpo.

     Como cada día, púxose a roupa a secar no coche que se lavou o dia anterior e antes de comezar a pedalear, posta a punto das maquinas para rodar sen problemas e coa maior lixereza posíbel.

     O camiño comezaba rápido pola estrada, pero logo, despois de desviarse, con algún pequeno atranco continuouse pola estrada, durante a que se contemplou innumerables niños de cegoña. Chegouse para comer a Santiago do Caçem e para poder seguir ata Sines, tentouse por un camiño de area para non ir pola Autovía, pero ao final non se tivo outro remedio, que era o único sitio por onde chegar ao destino.

     En Sines preguntamos por un transporte a Comporta e depois de saber que o tren nestas zonas xa deixou de funcionar, a outra opción e o autobús. Preguntamos na estación e o único que sae e dentro dunha hora. Tocaba pensar que facer. Ao final, 1 dos 3 decide quedar a esperar e ir en Autobús ata Comporta mentres dous continúan ata Porto Covo que se atopa a uns 15 km.

     Coa chegada a Porto Covo, tocaba esperar polo coche, mentres nunha praia cercana, pero estando na area comeza a chover e a nubrarse moito. Márchase cara o Hotel e a esperar.

     Na noite toca dar un pequeno paseo por este curioso pobo, encantador en canto as súas casas, de pequeno formato, brancas e azuis, que dan un aspecto moi fermoso neste pequeno e escondido recuncho.

     O problema mais grande foi a durmida. Unha praga de mosquitos "BICHERIA" atácanos durante o longo da noite, e entre o calor e os mosquitos foi practicamente imposible pegar ollo, erguéndose pola mañá con moitas picadas.

  • 10ª ETAPA
                PORTO COVO - ALJEZUR => 89 Km;                      17 DE MAIO DE 2011
 
     Partimos de PORTO COVO, para nesta décima etapa chegar a ALJEZUR. Unha distancia de 89 km que se fai en 5 horas cronometradas, pero un tempo empregado total dende a saída ata a chegada de 8 horas.

     Durante a noite atopámonos a sorpresa de que choveu. O tempo foi moi cambiante, porque tívose moita calor de dia, choveu de noite, e neste dia, o tempo voltaba a deixarnos altas temperaturas que se soportaban mais facilmente grazas a brisa do vento.

     Na partida o camiño parecía que sería bo, con terreo de terra bastante duro, pero non todo e como comeza enon como remata, ao pouco unha pequena zona de dunas, e despois de coller estradas secundarias chegamos a Vilanova de Milfontes, que tras cruzar o río, e chegados a Cavaleiro, pouco a pouco ímonos adentrando nuns cantís que nos deixan sorprendidos pola altura, beleza e paisaxe que podemos contemplar, así como os niños de cegoña que se poden ver nos bordes dos cantís, como se estiveran retando a forza do mar. Nesta parte do camiño con grandes chargos na trazada, alguén puido comprobar o estado da auga dos mesmos quedan enterrado nun destes charcos que a priori non semellaba ser tan profundo.

     Cando case se leva percorrido a metade da etapa, unha das bicicletas sofre unha pequena avería difícil de reparar. Un dos radios da roda traseira parte e deixa a roda un pouco descentrada. A inexistencia de talleres para reparala, que en Portugal chaman ¡ofiçina!, obríganos a continuar así ata poder dar con un sitio que poidan arranxala. En Cavaleiro si atopamos unha oficina, pero metía algo de medo. Aquilo era un cortello, cunhas pegatinas de aceites tuneando a porta de madeira da entrada. O mellor era marchar e non esperar que viñeran para atendernos, xa que o dono non estaba.

     Chegamos a Zambujeira do Mar para comer, descansar, e pola tarde poder atacar a parte final da etapa, facendo os últimos kilómetros por estrada. Na entrada de Zambujeira, case se consegue reclutar un novo membro luso para acompañarnos na aventura, pero non se arriscou. A verdade e que vendo o estado da súa montura, podería dicirse que o aceite en Portugal e para comer e nada mais, porque a cadea non se sabe como funcionaba debido ao estado oxidado no que se atopaba. Na comida, o camareiro interesouse polas nosas aventuras e as nosas bicicletas, que parecía que chamaban a atención pola zona, porque eles non tiñan bicicletas coma as nosas, a pesar de nos sorprendermos da cantidade de bicicletas avistadas e que usa na maiorúa a xente maior para desprazarse.

     Aljezur e un pobo curioso, en canto a súa distribución urbanística. As súas casas brancas cabalgan monte arriba ata o castelo, para deixar un monte con fondo branco.

     As xentes que atopamos polo camiño son moi amables, que xa en dúas ocasións laváronnos as bicicletas de balde.

     A noite unha gran cea, pero cos chupitos do final a mais de un lle pasaron factura. Menos mal que no Hostel Amazigh, no que nos atenderon perfectamente e ata nos deron uns cadeado para poder deixar as bicicletas seguras, puidemos descansar tranquilamente ata o dia seguinte.

  • 11ª ETAPA
                ALJEZUR - LAGOS => 102 Km;                               18 DE MAIO DE 2011

     102 km entre ALJEZUR e LAGOS son os que se percorren na décimo primeira etapa en 5 horas e 30 minutos cronometrados e que levou unhas 8 horas en total.

     O día comeza con dubidas, despois de chover toda a noite. Vense as previsións que non son nada boas. Abrimos a xanela e vese como o ceo está totalmente negro. Ameaza moita chuvia, e xa está chovendo acompañado de algún lóstrego.

     Que facer????

     Lagos está a 35 km pero Cabo San Vicente, que é por onde queremos pasar a moito mais.

     Despois de moitas voltas, de almorzar, e de mais voltas, 2 arríscanse a facer a etapa completa, mentres que outro fai os 35 km directamente a Lagos. Esta última opción foi na que mais choveu, mais forte e na que mais se mollou.

     A ruta que nos leva ao Cabo San Vicente e Sagres foron 102 km. Ata Vila do Bispo o camiño foi de terra, totalmente mollado a causa das chuvias da noite, e mentres se rodaba, algún que outro chuvasco caeu.

     Os cantís ían gañando en altura, verticalidade e beleza. Parada en Vila do bispo a comer, para continuar ata Cabo San Vicente e Sagres. Namentres, outra persoa, que fixo a outra ruta xa estaba en Lagos, facendo o camiño de volta en autobus, completamente empapado, para recoller o coche, co que grazas a el, os outros dous coa chegada a Lagos, xa tiñan o Hotel e as maletas na habitación para poder ducharse tan pronto se chegara.

     Poida que esta sexa a etapa mais fermosa de todas as realizadas. As vistas contempladas ao longo dos kilómetros, fan que estes pasen case sen decatarse. Despois de visitar San Vicente e coller dirección Sagres, a alguén se lle esquece o bidón, e indo cara atrás na súa procura, esta mesma bici rompe un radio da roda traseira coma na outra bici, pero con mais avería, por mor de estar rozando a roda contra o cadro. Así a todo conséguese de novo chegar a Vila do Bispo e de ahí encamiñarse no tramo final ata Lagos para concluír, pero no tramo final aínda agardan unas fortes pendentes que axudan de baixada, pero na subida acaban coas poucas forzas que quedan despois de toda a etapa.

     En lagos tópanse dúas tendas de bicicletas pero non as reparan a tempo. Tocaría na seguinte etapa atopar algún sitio na que as reparen.

     Lagos e un pobo totalmente turístico típico do Algarve. A poboación muda completamente e agora o mais doado e topar estranxeiros en troques de portugueses. Tocou ir comprobar canto turístico era, e para iso fíxose un pequeno tour nocturno con parada incluída en garito e tomar algún que outro mojito e caipirinha, coa súa correspondente coca-cola de garrafón.

  • 12ª ETAPA
                LAGOS - FARO => 110 Km;                                    19 DE MAIO DE 2011
 

     Décimo segunda e mais longa de todas as etapas, cun percorrido de 110 km entre LAGOS e FARO, nun tempo de 7 horas cronometradas e 9 horas en total. Esta etapa tivo de todo, calor, vento, camiños de terra, estrada,...

     Partiuse cedo de Lagos, xa que dixéronnos que en Portimao había dúas tendas nas que posiblemente nos repararan as bicicletas, e así foi. Chegouse a Portimao, collendo a estrada para non perder folgos coas rodas averiadas, que impedían bastante rodar, e en media hora estaban cadansúa bicicleta preparada e listas para continuar. Unha tenda moi boa na que foron moi eficientes, e nos atenderon axiña.e a que chegamos grazas a un motociclista que lle preguntamos e nos deixou case na porta indo detrás del.

     Despois de Portimao, a ruta  lévanos por zonas de urbanizacións ao borde dos cantís desta zona do Algarve, na que nunha destas urbanizacións párase a comer.

     A chegada a Albufeira, cun pequeno paseo polo pobo, pode contemplarse que seguimos nunha zona comletamnte turistica na que case a totalidade da poboación e estranxeira. Decídese coller a estrada que leva a Faro para poder chegar a tempo e conseguir transporte a tempo. E así foi, porque tan pronto se chegou a estación de tren xa saía e case non deu tempo de collelo.

     Pola noite pequeno paseo polas murallas de Faro e a descansar para afrontar ao día seguinte a derradeira etapa, a pesar de durmir unha zona de marcha e con moitos ruídos a ta as tantas da madrugada. Aínda así o cansazo xa podía cos tres e púidose durmir.

  • 13ª ETAPA
                FARO - VILA REAL DE SANTO ANTONIO => 58 Km;    20 DE MAIO DE 2011
 

     Para finalizar, a decimo terceira e derradeira etapa da Volta a Portugal entre FARO e VILA REAL DE SANTO ANTONIO, cun percorrido de 58 km, que se fixo en 2 horas e 35 minutos cronometrados e 3 horas e 30 minutos en total.

     O día amencía marabilloso, cun sol que quería acompañar neste derradeiro día de viaxe por terras lusas. A temperatura axudaba a querer pedalear, a pesar dos kilómetros acumulados nas pernas, pero todo era gozo e ledicia por poder rematar esta aventura.

     Saíndo de Faro a próxima parada sería Tavira, na que nos puidemos subir e conquistar as torres do seu castelo, para logo descender e andar polas súas rúas antigas do centro.

     Saíndo de Tavira o rumbo era claro, dirección leste, cara Vila Real de Santo Antonio, punto final da etapa e da aventura, e chegouse sen problemas, facendo paseo triunfal pola súa rúa central peonil e indo a comer rápido para coller o tren, no que nesta vez xa viaxarían os tres para recoller o coche en Faro e afrontar os kilometros de volta ata casa.

     Na comida, levamos unha sorpresa, cando deixamos as bicicletas a un lado da porta do restaurante. O camareiro ao ver as nosas bicis e que valían algúns cartos, suxeriu que se deixaran detrás das cadeiras da terraza, o mais achegadas a porta posible para impedir na medida do posible que no las puideran roubar, que era algo habitual na zona. Un camareiro moi amable, que curiosamente era de O Porto e que nos preguntou pola ruta que estabamos a facer. Quedou impresionado que foramos desde Galicia todo pola Costa ata onde nos atopábamos e que en so unha semana chegaramos dende Lisboa. Estívollo comentando ao resto dos do restaurante. Comemos estupendamente e tamén se puido saber, que nesta zona non se comen dous pratos coma no norte, senón que comen un so algo mais forte.

     A sorte de toda a viaxe foi non topar ningún contratempo que fixera recuar ou dificultar aínda mais, esta viaxe, que se fixo dura pola súa continuidade e kilometros percorridos, facendo medias bastante altas, e nas que ningún dos tres estaba acostumado a estar tantos días seguidos montados nunha bicicleta nin percorrendo tantos kilómetros seguidos.

     Grazas a todos os que nos apoiaron, nos deron ánimos, e a todas as persoas que atopamos e coas que compartimos algún momento no camiño e nos puideron axudar na medida do posible no que precisamos.

ALWAHIRI FAI POSIBLE OS SEUS RETOS. A SEGUIR ADIANTE!!


SOCIAL

FOTOS RECENTES

PROXIMAS ACTIVIDADES

NOVAS

VIDEOS RECENTES

298 views - 0 comments
202 views - 0 comments
432 views - 0 comments

COLABORADORES

O TEMPO

CONTACTO

Grazas por contactar con Espiritu Alwahiri. En breve porémonos en contacto con vostede.
¡Vaya! Se ha producido un error.
Haz clic aquí para volverlo a intentar.

MEMBROS MAIS RECENTES

VISITAS