VOLTA A GALICIA POLA COSTA

     Todo comeza cando o 1 DE XULLO DE 2006 dous individuos errantes comezan a sua primeira aventura percorrendo toda a costa de GALICIA procurando discorrer con cadansúa bicicleta de montaña o mais achegado posible a beira do mar.

     A ruta consta de 12 ETAPAS repartidas en diferentes duas dende o

     1 DE XULLO DE 2006 ata o 21 DE XULLO DE 2007.

     O percorrido TOTAL ten unha LONXITUDE de 1210 Km

     Cada seu dia tivo unha morea de anécdotas, historias e sufrimentos, dende duas de máxima temperatura en Galicia a chuvia intensa e horarios interminables. Todo por poder desfrutar desa costa que nos envolve e nos deixa paisaxes tan fermosas e admirables.

     Para visitar a galeria fotográfica pincha AQUI.

  • 1ª ETAPA

A GUARDIA - ALDAN  => 125 Km;                1 DE XULLO DE 2006

     Primeiro dia dunha aventura na que non sabemos onde imos chegar, nin como, nin se daremos cumprido un obxectivo.

     Na hora da saida, os nervios son reflexo do que airea o ambiente. Por diante quedan horas de pedaleo. Non se sabe se estamos preparados, pero as ganas por facer algo diferente, ao que non se estaba acostumado, tiran das nosas pernas e fan avanzar os kilómetros.

     A etapa deste primeiro dia transcorre entre A GUARDA e ALDAN. Un percorrido, que foi de 125 km, no que o terreo non tivo desniveis moi dificultosos e unha morea do camiño foi desenrolado por asfalto.

     Dase saida sobre as 9 da mañá, despois de comer en Redondela, coa conseguinte sesta. Chegouse a Aldan ao final da tarde.

     As sensacións despois de percorrer este camiño, de pasar por sitios polos cales se pasaba a cotío en coche e nunca en bici, foi de tanta satisfacción, que o cansazo producido pola pouca costume de estar mais de 8 horas enriba da bicicleta non se tiña constancia. O estado de euforia por comezar algo do que non tiñamos nin idea era maior que todo o desgaste físico que se puidera notar.

     Despois desta primeira etapa, as conclusións que se sacaron foron moitas. Primeiro, sacar moitas fotos, porque as paisaxes eran incribles. De segundo, nesta zona coñecíanse os camiños. Que pasa se non coñecemos e non podemos seguir unha ruta tan achegado ao mar que nos desoriente? De terceiro, Que levar de beber e de comer?. De cuarto, Que roupa e mais axeitada? A medida que pasaron as etapas foise dando resposta a todas as nosas preguntas.

  • 2ª ETAPA
ALDAN - CAMBADOS  => 130 Km;                8 DE XULLO DE 2006

     Segunda etapa desta ventura, na cal inda fomos cometendo moitos erros, pero todo saíu moi ben, disfrutando moito mais inda ca primeira polo motivo de que a aventura xa tiña continuidade.

     Este segundo dia transcorre entre ALDAN e CAMBADOS cun percorrido de 130 km, no que se pasou por Pontevedra, praia da Lanzada para bordear toda a península do Grove entrando na illa da Toxa e dando unha volta ao seu redor. Comezouse cunha pequena caída nas praias de Cangas sen consecuencias, e con algún que outro problema co contakilómetros.

     Ao ser no mes de Xullo, as praias están ateigadas de xente. Este feito, fixo que co noso paso polas diferentes praias, a xente xe fixara en nos, por andar pola area uns dias cunhas temperaturas tan altas como os que se pasaron, que tamén dificultaron as condicións nas que se facían as etapas.

     Para este percorrido, o coñecemento dos camiños e estradas era moito menor que o anterior, facendo que aventurarse por cada camiño no que se adentraba fixera que o fin da etapa non se soubera onde podía estar. Ao final, fíxose sen dar moitas voltas e sen perderse demasiado.

     Coa chegada a Cambados ao final do dia, outra etapa mais da Volta a Galicia superada, que facía que se cobrara intensidade, con ganas de poder facer a seguinte.

  • 3ª ETAPA
CAMBADOS - CORRUBEDO  => 130 Km;      15 DE XULLO DE 2006

     A terceira etapa pode que sexa a mais dura de todas as realizadas. Cun percorrido entre CAMBADOS e CORRUBEDO de 130 km, no que se rexistraron as temperaturas mais altas en Galicia dese verán, e cunha vaga de incendios asolando ao noso redor.

     A maioría deste percorrido fíxose por estrada, e no descoñecemento da ruta, na que inda non se levaba ningún tipo de mapa, si algunha axuda dun libro de fotografía aérea, pero que non era suficiente, incrementou a agonía e o desfalecemento.

     Ao longo da ruta, pasouse pola illa de Arousa, percorrendo perimetralmente o entorno da mesma, que case levou 2 horas. Parada en Rianxo para comer, na que metidos nun bar e a beber, case o deixamos sen augas, e dando pinchos bastante salgados de costela inda peor. Esta parada prolongouse debaixo dunha sombra tirados na herba esperando que o sol deixara de quentar, pero faltando moitas horas para que isto sucedera tívose que reanudar a marcha.

     Un taxi de Noia estaba contratado para o regreso ata Cambados, que esa era a intención de Fin de Etapa, pero en Catoira, onde está Noia a uns 15 km, temos inda que chegar a Corrubedo que esta a uns 40 km, para logo voltar xa se fai imposible e moi desmoralizante.

     Como anécdotas contar as diverxencias xurdidas en torno a medio quilo de pan de millo con uvas pasas, e o desfalecemento sufrido por algún ao final da etapa que fixo mostrar algo o enfado dalgún membro, coa conseguinte burla por non comer pan polo outro.

     Despois da chegada tan dura a Corrubedo, o único que se esperaba era voltar e que non se fixera tan duro a seguinte.

  • 4ª ETAPA
CORRUBEDO - CEE  => 135 Km;                 22 DE XULLO DE 2006 

     Cuarta etapa, con comezo en CORRUBEDO, percorrendo 133 km para rematar en CEE. Ao inicio da xornada facía moi bo dia pero a medida que pasaban as horas foi mudando ata acabar mollados por mor da chuvia.

     Neste día, inda que longo pola distancia, quedouse a durmir en CEE para continuar o día seguinte, polo que non se tivo que vir de volta para casa e chegar as tantas da noite, e non se tiña tanta presa por chegar ao fin da Etapa e se puido tomar con mais calma.

     Un percorrido no que se visitou o Castro de Baroña, Monte Louro coa sua lagoa en Muros, os hórreos de Carnota coa sua inmensa praia e innumerables paraxes naturais como no resto da costa galega.

     A medida que avanzaban as Etapas, xa se notaba a experiencia obtida en dias anteriores e a notoria melloría física e psicolóxica de estar un dia completo sentado na bicicleta. Estes feitos, motivaron que se decidira, facer unha etapa ao dia seguinte.

     Nesta etapa foi mais dificil a orientación e atopar camiños para poder andar a beira do mar, pero como na anterior, non se tivo moitos problemas para chegar a Cee polos pobos costeiros.

  • 5ª ETAPA
CEE - FISTERRA  => 35 Km;                       23 DE XULLO DE 2006

     Nesta quinta etapa, con inicio en CEE e rematando en FISTERRA, a distancia percorrida foi moi pequena, en parte polo cansazo do dia anterior, e por querer marchar na hora da comida de volta a casa. Foron so 35 km, cos cales se puido chegar ao Faro de Fisterra, un fin do camiño que para nos era unha continuación, unha ledicia de poder xa ter percorrido media Galicia, e con desexos de rematar toda a andaina desfrutando do noso propio camiño.

     O difícil foi sentarse no sillín despois da etapa anterior, pero cumpriuse o obxectivo e xa logo o camiño en coche seria menos, que chegar ata Fisterra era bastante lonxe, inda que na próxima teríase que voltar para poder comezar dende o punto finalizado.

     Ata Fisterra, no que se refire as rutas e camiños escollidos para percorrer a costa non se tivo moito problema. O feito de estar o mais achegado posible ao mar, fai que se poida coller o mar como referencia e servir de guía, e sendo lugares tan turísticos, fixo que a meirande parte do tempo, inda que non se fora por estrada, que moitas das veces era o mais achegado ao mar posible, se andivera por camiños transitados nos cales non era difícil perderse, e nos que se podía orientar ben. A partir de Fisterra, co escarpado do terreo que obrigabanos a separarnos mais da costa, fixo que non fora tan doado orientarse e atopar camiños na dirección correcta.

  • 6ª ETAPA
FISTERRA - CAMARIÑAS  => 70 Km;           26 DE AGOSTO DE 2006

     Tivo que transcorrer un mes para poder continuar coa sexta etapa, por mor da baga de incendios que asolagou Galicia nestas datas, sobre todo na costa da morte, o que imposibilitaba a nosa marcha polos montes da costa Galega.

     O percorrido deste día foi de FISTERRA a CAMARIÑAS, facendo so 70 km, porque tivose algún malestar físico que fixo que fora moito mellor parar a marcha e rematar na Localidade Galega do encaixe.

     Tivemos que de novo voltar ata o fin da terra para comezar a nosa etapa pero nas vindeiras o percorrido en coche para comezar cada etapa xa non seria tan longo. Chegamos ata o Cabo Touriñán, donde se nos fixo interminable, no que non se topaba un camiño para poder seguir. Isto fíxonos replantexar as rutas, preparando mellor o camiño para non sufrir retrasos e ter que dar volta en sitios nos que era imposible continuar polo camiño escollido. Seguidamente chegamos a Muxía para rematar bastante cedo a etapa e voltar, descansar e coller forzas para a seguinte.

  • 7ª ETAPA
CAMARIÑAS - MALPICA  => 100 Km;        12 DE OUTUBRO DE 2006

     Sétima etapa entre CAMARIÑAS e MALPICA, de 100 km de distancia pero que rematou moi tarde, con chegada de volta a casa as tantas da madrugada.

     Eran evidentes os cambios significativos en canto ao plantexamento do dia. Nesta ocasión levouse un gps rural, uns mapas confeccionados en google earth montados sobre un atril artesanal de madeira que ia no manillar da bicicleta. Foi de moita axuda, podendo ir polo camiño planeado, pero en moitos casos o camiño non se atopaba no estado que se pensaba o que imposiblitaba o paso, pero sempre se podia ter a orientación de onde se estaba.

     Puidemos desfrutar de sitios como o Cabo Vilan, O cemiterio dos Ingleses, Camelle, Laxe, Corme, Punta do Roncudo e innumerables pobos e praias da costa norte de Galicia.

     A chegada a Malpica fíxose dura para algún dos membros, pero logo a espera mentres se ia buscar o coche de volta foi tamén moi dura, tendo que agardar xa de noite, no que as temperaturas non eran as do verán, por mor de ser Outubro, e xa comezaba a refrescar.

  • 8ª ETAPA
MALPICA - A CORUÑA  => 80 Km;           14 DE OUTUBRO DE 2006

     Entre as localidades de MALPICA e A CORUÑA, cun percorrido de 80 km, transcorre a Oitava etapa da Volta a Galicia pola Costa.

     Dous dias despois de facer a anterior etapa, e coa dureza desta, inda entre as pernas e na cabeza, decidíuse facer outra etapa que sería mais curta, pero que reparaba algunha sorpresa, xa que nesta ocasión non se levou o gps rural, e cando a priori, toda a ruta parecía sinxela de programar, nalgún sitio, tívose complicado que camiños escoller.

     Coa saída de Malpica atopamos numerosos porcentaxes de subida e baixada polo camiño escollido, pero cando chegamos a praia de Razo coa sua lagoa, antes de bordeala, decidimos andar pola praia e cruzala montados enriba da bicicleta. A pesar de que era 14 de Outubro, a praia estaba ateigada de xente que nos via extrañados de cruzar coas bicicletas pola area, ou mais ben pola auga porque se tiña que trazar pola zona mais dura para impedir que as rodas se enterraran na area, de modo que tocaba ir pola area mollada, que en ocasións era auga.

     Ao rematar de cruzar a praia decidiuse para a comer un bar. Logo o difícil foi levantarse para seguir, despois de comer de prato sentados. Erguímonos e continuamos dirección Caion para logo chegar a Arteixo. A Coruña quedaba preto, e no treito final practicamente se fixo por carril bici, totalmente achegado a costa, o que motivou que se rodara a gran velocidade

     Xa na Coruña, chegados a Torre de Hercules, concluímos a etapa a espera de ver cando se voltaría, porque o inverno se viña enriba.

  • 9ª ETAPA
A CORUÑA - FERROL  => 115 Km;          1 DE NOVEMBRO DE 2006 

     Para esta Novena etapa, entre A CORUÑA e FERROL, o que a priori, parecía unha etapa sinxela, convertíuse en 115 km de distancia, complicados polos traxectos e camiños escollidos.

     Nsta ocasión tampouco se levou o gps rural, e notouse moito, porque o descoñecemento da zona era total.

     Partíuse de A Coruña dirección Oleiros onde nos atopamos o castelo no medio do mar. Logo pasamos por Mera e imos a dar a Lorbé. Aquí totalmente perdidos, a alguén se lle ocorre preguntar a unha señora de moi avanzada idade por onde ir para Ferrol, por camiños (onde quedaba aínda Ferrol!). A señora so facía rirse, e coa sua ausencia de dentadura, non parecía que se estivera rindo de nos senón da pregunta. Mandounos por unha estrada que so facía baixar e baixar. Encantados, estrada abaixo, descansando e aproveitando o terreo chegamos ao final, e cal foi a sorpresa, que non tiña saída, e a única saída é voltar pola mesma estrada pero en dirección contraria, e dicir cara arriba. Lembrándonos durante toda a pendente da señora, logramos chegar a Betanzos e cruzar a Ría.

     Seguimos a ruta para tentar chegar a Ponteceso, e despois con algún que outro atranco, no que ata se subiron escaleiras case imposibles de subir sen bicicleta e de saltar rochas para poder cruzar praias chegamos a Ares. Unha vez cruzado o Monte Faro, adentramonos na Ría de Ferrol onde se podía distinguir o noso destino.

     Estando en Mugardos e facendo unha pequena parada so quedaba atravesar a Ría e chegar a Ferrol. Perdemos o bus de volta por minutos e tivemos que esperar por outro unha hora e coas baixadas das temperaturas e o cansazo, non chegamos moi ben a casa.

  • 10ª ETAPA
FERROL - CEDEIRA  => 90 Km;             11 DE NOVEMBRO DE 2006

     Na que sería a décima e derradeira etapa do 2006, fixéronse 90 km entre FERROL e CEDEIRA.

     A estas alturas, e botando unha ollada cara atrás, démonos de conta da experiencia obtida nas etapas anteriores, o que nos fai programar mellor cada viaxe en todos os sentidos, así como unha maior forma física e mental. Esta experiencia acumulada, fixo que nesta etapa todo saíra como fora plantexado, levando nesta ocasión os mapas coa ruta.

     Saíndo de Ferrol pasamos pola incrible praia de Doniños, coa su lagoa. Posteriormente pasamos por Cabanas e chegamos ao Cabo Prior co seu fermoso Faro.

     Aínda que en principio era unha etapa curta. Cando tivemos que subir ao Monte Lagoa, este percorrido fíxose duro, estando de novo moi preto de Ferrol despois de levar xa uns cuantos kilómetros. Na baixada chegamos a Valdoviño, e despois de cruzar Esteiro por fin en Cedeira.

     Os dias son curtos nestas datas de Novembro o que fixo que se tivera que acelerar o ritmo para que non nos collera a noite no camiño.

     Finalizamos esta ruta, motivados por ver que cada dia restaban menos etapas para chegar ao final e concluír esta nosa primeira aventura, pero sen aínda saber cal sería o día para facer a seguinte etapa.

  • 11ª ETAPA
CEDEIRA - VIVEIRO  => 95 Km;                       7 DE XULLO DE 2007

     De novo no ano 2007, por fin, transcorre a décimo primeira etapa da Volta a Galicia entre CEDEIRA e VIVEIRO, cun percorrido de 95 km, con importantes novidades.

     Comezando, un dos integrantes estrea nova montura. Unha nova Felt, que ven a encher o baleiro da anterior bici, que despois de tantos kilómetros comezaba a resentirse. Na outra bici cambio de sillín, eixo de pedalier, cambio traseiro e novas rodas. Isto da moito que pensar sobre a dureza física do terreo e as esixencias a que se someten as bicicletas e o corpo.

     Iníciase a pedalear en Cedeira para chegar a San Andres de Teixido e a pesar de levar o GPS rural, xa de comezo se nos complica o camiño. Ninguén dixo que as derradeiras etapas foran sinxelas. Despois de visitar San Andres de Teixido, subimos pola serra da Capelada, contemplando os enormes acantilados ao noso carón, que facían que o vento ala enriba fora moi forte.

     Baixada ata Cabo Ortegal para continuar dirección Cariño. Pasando por Ortigueira, están co festival. Non se pode parar moito, porque estaba ateigado de xente e as horas e os kilómetros apremian. En Estaca de Bares, vemos que xa chegamos ao Norte de Galicia e que pouco queda. Ao pouco deixamos atrás a provincia de A Coruña e adentrámonos na provincia de Lugo.

     Unha vez en Viveiro, e co tempo xusto, buscamos transporte de volta, cun moi bo sabor de boca, cunha etapa perfecta, e con ganas de facer xa a derradeira.

  • 12ª ETAPA
VIVEIRO - RIBADEO  => 105 Km;                     21 DE XULLO DE 2007
     Despois dalgunhas horas de camiño, por fin chegamos a VIVIERO para comezar a décimo segunda e derradeira etapa da Volta a Galicia ata RIBADEO. Con 105 km mais, esta aventura remata.

     Non se agardaba que fose unha etapa complicada e así foi, a pesar de comezar un pouco tarde por mor dos kilómetros de estrada ata chegar a Viveiro en coche.

     Por diante quedaban moitos sitios onde pasar e facer unha pequena e obrigada parada, como en Punta Roncadoira, San Ciprian, Burela, Foz e como non a praia das catedrais.

     O noso destino estaba preto, e unha vez alcanzado Ribadeo as caras eran de ledicia, cunha pequena tristura por finalizar algo tan fermoso, acompañándonos sempre unha paisaxe moi fermosa, e con ganas, de quen sabe se algún outro ano voltar a repetir algunha destas etapas.

E como non, chegada a meta con trofeo e todo.

     Ate aquí unha viaxe montados nunha bicicleta pola costa Galega. Unha aventura que non se sabía como comezaría nin como remataría, pero agora so se pode dicir que se comezou con ganas. Rematou con ganas e desfrutouse cada kilómetro a tope.

SOCIAL

FOTOS RECENTES

PROXIMAS ACTIVIDADES

NOVAS

VIDEOS RECENTES

486 views - 0 comments
371 views - 0 comments
604 views - 0 comments

COLABORADORES

ROFERVIGO NISSAN

LUTHERIA DAVILA

O TEMPO

CONTACTO

Grazas por contactar con Espiritu Alwahiri. En breve porémonos en contacto con vostede.
¡Vaya! Se ha producido un error.
Haz clic aquí para volverlo a intentar.

MEMBROS MAIS RECENTES

VISITAS